Saltar ao contido

Filosofía

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Filosofía
O pensador, de Auguste Rodin, representación clásica dun home inmerso nos seus pensamentos.
Orixe do nomeΦιλοσοφία, grego
OrixeGrecia antiga, séc. VII a.C., Tales de Mileto
Influenciasmitoloxía
Influenciadosarte, ciencia, política, dereito, ética, teoloxía, relixión
Persoeiros principaisHeráclito · Confucio · Demócrito · Sócrates · Platón · Aristóteles · Epicuro · Séneca · Plotino · Agostiño · Avicena · Averroes · Aquino · Escoto · Ockham · Machiavelli · Bacon · Descartes · Vico · Leibniz · Espinoza · Hobbes · Berkeley · Locke · Montesquieu · Hume · Rousseau · Voltaire · Burke · Kant · Hegel · Kierkegaard · Schopenhauer · Mill · Marx · Nietzsche · Peirce · Husserl ·
Definicióné o estudo de cuestións fundamentais relacionadas coa existencia, o coñecemento, a verdade, valores morais e estéticos, para mente e para lingua.
Coñecida porestimular o pensamento lóxico e crítico
Pretendeconstruír concepcións globais do mundo
Divídese enFilosofía occidental, Filosofía oriental
Ramificaciónsepistemoloxía, ontoloxía, ética, metafísica, filosofía social, filosofía política, estética, lóxica

A filosofía[1] (do grego - φιλοσοφία philos / sophia, "amor á sabedoría"[2][3]) é o estudo das cuestións xerais e fundamentais relacionadas coa natureza da existencia humana; do coñecemento; da verdade; valores morais e estéticos; da mente; tanto da lingua como do universo no seu conxunto[4] en suma pódese dicir que é a procura do coñecemento puro sen deixarse corromper por sistemas preestabelecidos.

A filosofía responde ó desexo de saber, busca coñecer as causas das cousas, indagando a verdade e os seus problemas. Neste senso é máis crítica que dogmática. Ata o século XVIII - XIX, facía referencia ó conxunto de saberes desinteresados e racionais, que tiñan por obxecto a comprensión xeral do home e do mundo, buscando conclusións sobre as súas causas últimas e bases máis profundas, polo que se diferencia da ciencia, que estuda de xeito único as materias que entran no seu propio campo, dende o punto de vista da súa descrición e explicación por causas próximas.

A filosofía aspira a un coñecemento racional da realidade polas últimas causas, e por iso, considerábase ciencia.[5] Porén, coa nova e máis restritiva noción de ciencia, que aparece na época moderna vinculada ó método matemático e experimental, a filosofía deixa de considerarse ciencia a partir do século XIX.

As súas disciplinas son a lóxica e a teoría do coñecemento, a metafísica, a estética e a ética. A psicoloxía, o mesmo que as demais ciencias, desenvolveuse a partir da filosofía.

Orixes históricas

[editar | editar a fonte]

A palabra filosofía gaña, en dimensións específicas de tempo e espazo, concepcións novas e diferentes tornando difícil a súa exacta localización.

Historicamente, a filosofía comeza con Tales de Mileto, aínda que este principio histórico sexa máis un punto de referencia que unha discusión xa acabada. Aristóteles escribiu que a filosofía foi posible a través do lecer, pois, unha vez resolvidos os seus problemas de vivenda, alimentación, vestiario, e sendo dispensados da necesidade do traballo pesado, os gregos puideron dedicarse á investigación filosófica.

Tales foi o primeiro dos filósofos Presocráticos, ou filósofos da Physis, que buscaban a arché, que era un principio que, alén de ser o principio de todas as cousas, debería tamén compor (ou formar parte de) todas as cousas, e mesmo ser a última de todas as cousas.

Platón é quen inicia esta nova linguaxe, a filosofía como a coñecemos, a busca da esencia, a ontoloxía, dos conceptos universais en detrimento do coñecemento vulgar e sensorial. Anteriormente a el, a filosofía era discutida por sabios, era o amor pola sabedoría daqueles que experimentaran a propia ignorancia, concepto, ao que parece, atribuído por Pitágoras.

Por moito tempo a filosofía incluía todo o que era coñecemento, abonda con ver a vasta obra de Aristóteles, que abrangue desde a física ata a ética. Aínda hoxe é difícil definir o obxecto exacto da filosofía.

Os seus obxectos propios son:

  • Metafísica: concernente aos estudos daquilo que non é físico (physis), do coñecemento do ser (ontoloxía), do que transcende o sensorial e tamén da teoloxía.
  • Epistemoloxía: estudo do coñecemento, teoriza sobre a propia ciencia e de como sería posible a aprehensión deste coñecemento.
  • Ética: para Aristóteles, é parte do coñecemento práctico xa que nos mostraría como debemos vivir e actuar.
  • Estética: a procura do belo, a súa conceptuación e cuestionamento. O entendemento da arte.
  • Lóxica: a procura da verdade, o seu cuestionamento, a razón.
Artigo principal: Historia da filosofía.

Como disciplina, a historia da filosofía pretende ofrecer unha exposición sistemática e cronolóxica dos conceptos e doutrinas filosóficas.[6] Algúns teóricos ven isto como parte da historia intelectual, pero tamén investiga cuestións que non están cubertas pola historia intelectual, como se as teorías dos filósofos do pasado son verdadeiras e se mantiveron filosoficamente relevantes.[7] A historia da filosofía preocúpase principalmente de teorías baseadas na indagación racional e na argumentación; algúns historiadores enténdeno nun sentido máis laxo que inclúe mitos, ensinanzas relixiosas e tradición proverbial.[8]

Entre as tradicións influentes na historia da filosofía atópanse a occidental, a árabe-persa, a india e a filosofía chinesa. Outras tradicións filosóficas son a filosofía xaponesa, a filosofía latinoamericana e a filosofía africana.[9]

Occidental

[editar | editar a fonte]
Busto de Aristóteles
Aristóteles foi unha figura importante da filosofía antiga e desenvolveu un amplo sistema de pensamento que incluía a metafísica, a lóxica, a ética, a política e as ciencias naturais..[10]

A filosofía occidental orixinouse na Antiga Grecia no século VI a. C. cos presocráticos. Estes tentaron ofrecer explicacións racionais do cosmos no seu conxunto.[11] A filosofía que os inspirou foi desenvolvida por Sócrates (469-399 a. C.), Platón (427-347 a. C.) e Aristóteles (384-322 a. C.). Ampliaron o abanico de temas a cuestións como a como deben actuar as persoas, a como chegar ao coñecemento e cal é a natureza da realidade e a mente.[12]

A principal característica que Aristóteles ve nunha persoa filósofa é que non é especialista. O sophós (o sabio), é un coñecedor de todas as cousas sen posuír unha ciencia específica. O seu ollar derrámase polo mundo, a súa curiosidade insaciable faino investigar tanto os misterios do kosmos como os da physis (a natureza), como as que din respecto ao home e á sociedade. No fondo, o filósofo é un revelador, alguén que afasta o veo daquilo que está a cubrirnos os ollos e procura mostrar os obxectos na súa forma e posición orixinal, actuando como alguén que atopa unha estatua no fondo do mar cuberta de brións e algas, e progresivamente, afastándoas unha a unha, revélanos a súa forma real.

Para Platón, a primeira actitude do filósofo é admirarse. A partir da admiración faise a reflexión crítica, o que marca a filosofía como busca da verdade. Filosofar é dar sentido á experiencia.

A última parte do período antigo estivo marcada pola aparición de movementos filosóficos, como o epicureísmo, o estoicismo, o escepticismo e o neoplatonismo.[13] O período medieval comezou no século V d. C. Centrouse en temas relixiosos e moitos pensadores utilizaron a filosofía antiga para explicar e desenvolver as doutrinas cristiás.[14][15]

O período do Renacemento comezou no século XIV e supuxo un renovado interese polas escolas de filosofía antiga, en particular o platonismo. O humanismo tamén xurdiu neste período.[16] O período moderno comezou no século XVII. Unha das súas preocupacións centrais era como se creaban os coñecementos filosóficos e científicos. Concedeuse unha importancia especial ao papel da razón e á experiencia sensorial.[17] Moitas destas innovacións utilizáronse no movemento da Ilustración para desafiar ás autoridades tradicionais.[18] No século XIX realizáronse varios intentos por desenvolver sistemas filosóficos integrais, por exemplo, o idealismo alemán e o marxismo.[19] Os avances máis influentes na filosofía do século XX foron a aparición e aplicación da lóxica formal, o interese polo papel da linguaxe o pragmatismo, e os movementos da filosofía continental como a fenomenoloxía, o existencialismo e o postestruturalismo.[20] O século XX foi testemuña dunha rápida expansión da filosofía académica en termos do número de publicacións filosóficas e filósofos que traballaban en institucións académicas.[21] Tamén se observou un notable aumento no número de mulleres filósofas, pero estas seguían estando infrarrepresentadas.[22]

Árabe-persa

[editar | editar a fonte]
Retrato de Avicena nun vaso de prata
Retrato de Avicena, un dos filósofos máis influentes da Idade de Ouro islámica.

A filosofía árabe-persa xurdiu a principios do século IX d. C. como resposta aos debates da tradición teolóxica islámica. O seu período clásico prolongouse até o século XII d. C. e estivo fortemente influenciado polos filósofos gregos antigos. Empregou as súas ideas para elaborar e interpretar os ensinos do Corán.[23]

Al-Kindi (801-873) adoita considerarse o primeiro filósofo desta tradición. Traduciu e interpretou numerosas obras de Aristóteles e os neoplatónicos no seu intento por demostrar que existe unha harmonía entre a razón e a fe.[24] Avicena (980–1037) tamén seguiu este obxectivo e desenvolveu un sistema filosófico integral para proporcionar unha comprensión racional da realidade que abarcaba a ciencia, a relixión e o misticismo.[25] Al-Ghazali (1058–1111) foi un forte crítico da idea de que a razón pode chegar a unha comprensión verdadeira da realidade e de Deus. Formulou unha detallada crítica da filosofía e tentou asignar á filosofía un lugar máis limitado, xunto aos ensinos do Corán e a visión mística.[26] Despois de Al-Ghazali e o final do período clásico, a influencia da investigación filosófica minguou.[27] Mulla Sadra (1571–1636) é a miúdo considerado un dos filósofos máis influentes do período posterior.[28] A crecente influencia do pensamento e as institucións occidentais nos séculos XIX e XX deu lugar ao movemento intelectual do modernismo islámico, cuxo obxectivo é comprender a relación entre as crenzas islámicas tradicionais e a modernidade.[29]

Cadro de Adi Shankara
Adi Shankara desenvolveu a visión monista do Advaita Vedanta, afirmando que a existencia dunha pluralidade de entidades distintas é unha ilusión.

Unha das características distintivas da filosofía india é que integra a exploración da natureza da realidade, as formas de alcanzar o coñecemento e a cuestión espiritual de como alcanzar a iluminación.[30] Todo comezou ao redor do ano 900 a. C., cando se redactaron os Vedas. Son as escrituras fundamentais do hinduísmo e tratan temas relacionados coa relación entre o eu e a realidade última, así como a cuestión de como renacen as almas en función das súas accións pasadas.[31] Neste período tamén xurdiron ensinos non vedicos, como o budismo e o xainismo.[32] O budismo foi fundado por Siddhartha Gautama (563-483 a. C.), quen cuestionou a idea vedica dun eu permanente e propuxo un camiño para liberarse do sufrimento.[32] O xainismo foi fundado por Mahavira (599-527 a. C.), quen fixo fincapé na non violencia, así como no respecto cara a todas as formas de vida.[33]

O período clásico posterior comezou aproximadamente no ano 200 a. C.[a] e caracterizouse polo xurdimento das seis escolas ortodoxas do hinduísmo: Nyāyá, Vaiśeṣika, Sāṃkhya, Ioga, Mīmāṃsā e Vedanta.[35] A escola do Advaita Vedanta desenvolveuse máis adiante neste período. Foi sistematizada por Adi Shankara (c.700–750 d. C.), quen sostiña que todo é un e que a impresión dun universo composto por moitas entidades distintas é unha ilusión.[36] Unha perspectiva lixeiramente diferente foi defendida por Ramanuja (1017-1137 d. C.),[b] quen fundou a escola deVishishtadvaita Vedanta e argumentou que as entidades individuais son reais como aspectos ou partes da unidade subxacente.[38] Tamén contribuíu a popularizar o movemento bhakti, que ensinaba a devoción cara ao divino como un camiño espiritual e perdurou até os séculos XVII e XVIII d. C.[39] O período moderno comezou aproximadamente no ano 1800 e viuse marcado polo contacto co pensamento occidental.[40] Os filósofos tentaron formular sistemas integrais para harmonizar diversos ensinos filosóficos e relixiosos. Por exemplo, Swami Vivekananda (1863-1902 d. C.) baseouse nos ensinos do Advaita Vedanta para soster que todas as relixións son camiños válidos cara ao divino.[41]

Artigo principal: Filosofía chinesa.
Cadro de Confucio
Os ensinos de Confucio sobre a ética e a sociedade marcaron a filosofía chinesa posterior.

A filosofía chinesa céntrase especialmente en cuestións prácticas relacionadas coa conduta social axeitada, o goberno e o cultivo persoal.[42] No século VI a. C. xurdiron numerosas escolas de pensamento que competían entre si por resolver a axitación política da época. As máis destacadas foron o confucianismo e o taoísmo.[43] O confucianismo foi fundado por Confucio (551-479 a. C.). Centrábase en diferentes formas de virtudes morais e exploraba como estas conducen á harmonía na sociedade.[44] O taoísmo foi fundado por Laozi (século VI a. C.) e exploraba como os seres humanos poden vivir en harmonía coa natureza seguindo o Tao ou a orde natural do universo.[45] Outras escolas de pensamento influentes da época foron o moísmo, que desenvolveu unha forma primitiva de consequencialismo altruísta,[46] e o legalismo, que facía fincapé na importancia dun Estado forte e dunhas leis estritas.[47]

O budismo introduciuse en China no século I d. C. e diversificouse en novas formas de budismo.[48] A partir do século III d. C., xurdiu a escola do Xuanxue. Esta interpretaba as obras taoístas anteriores facendo especial fincapé nas explicacións metafísicas.[48] O neoconfucianismo desenvolveuse no século XI. Sistematizou os ensinos confucianos anteriores e buscou un fundamento metafísico para a ética.[49] O período moderno da filosofía chinesa comezou a principios do século XX e viuse marcado pola influencia da filosofía occidental e as reaccións que esta suscitou. A aparición do marxismo chinés —centrado na loita de clases, o socialismo e o comunismo— deu lugar a unha transformación significativa do panorama político.[50] Outro fenómeno foi a aparición do novo confucianismo, cuxo obxectivo é modernizar e reformular os ensinos confucianos para explorar a súa compatibilidade cos ideais democráticos e a ciencia moderna.[51]

Outras tradicións

[editar | editar a fonte]

A filosofía tradicional xaponesa asimilou e sintetizou ideas procedentes de diferentes tradicións, entre elas a relixión indíxena Shinto e o pensamento chinés e indio, en forma de confucianismo e budismo, que chegaron o Xapón nos séculos VI e VII. A súa práctica caracterízase por unha interacción activa coa realidade, máis que por unha análise distanciada.[52] O neoconfucianismo converteuse nunha corrente de pensamento influente no século XVI e durante o posterior período Edo, e propiciou un maior interese pola linguaxe e o mundo natural.[53] A Escola de Kioto xurdiu no século XX e integrou a espiritualidade oriental coa filosofía occidental na súa exploración de conceptos como a nada absoluta (“'zettai-mu”'), o lugar (“'basho”') e o eu.[54]

A Filosofía e profesións liberais

Na actualidade, entre outras múltiples, diferentes e, porén, válidas definicións, pódese afirmar que filosofía é o estudo racional, crítico e obxectivo de todos ou calquera dos achados do pensamento humano. É dicir, a actividade filosófica consiste en pensar razoando sobre aquilo que se atopa ó noso redor: dende a natureza ata os propios mecanismos internos de razoamento. Filosofar é, pois, tanto pensar acerca do mundo como pensar acerca do propio pensamento.

Correntes e tópicos

[editar | editar a fonte]

Materialistas vs Idealistas

[editar | editar a fonte]

Os filósofos divídense en dúas grandes correntes: materialistas e idealistas. O termo materialista aplícase a aqueles que cren que o universo (todo o que existe) está formado de materia, e existe obxectiva e independentemente da existencia de seres cognoscentes capaces de percibilo. Os idealistas son aqueles que sosteñen que o mundo non ten existencia independente dos seres cognoscentes.

Ramas da filosofía

[editar | editar a fonte]

As cuestións filosóficas pódense agrupar en varias ramas. Estes agrupamentos permiten aos filósofos centrarse nun conxunto de temas similares e interactuar con outros pensadores que estean interesados nas mesmas preguntas.

Estas divisións non son nin exhaustivas nin mutuamente excluíntes. (Un filósofo podería especializarse na epistemoloxía kantiana, ou na estética Platónnica, ou na filosofía política moderna). Ademais, estas investigacións filosóficas ás veces se solapan entre si e con outras investigacións como a ciencia, a relixión ou as matemáticas.[55]

Estética

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Estética.

A estética é a "reflexión crítica sobre a arte, a cultura e a natureza".[56][57] Aborda a natureza da arte, da beleza e do gusto, o gozo, os valores emocionais, a percepción, a creación e valoración da beleza.[58] Defínese de forma máis precisa como o estudo dos valores sensoriais ou sensorio-emocionais, ás veces denominados xuízos de sentimento e gusto.[59] As súas principais divisións son a teoría da arte, a teoría literaria, a teoría do cinema e a teoría da música. Un exemplo da teoría da arte é discernir o conxunto de principios que subxacen na obra dun artista ou movemento artístico concreto, como a estética cubista.[60]

Artigo principal: Ética.
O colexio imperial de Pequín foi un centro intelectual para a ética e os clásicos confucianos durante as dinastías Yuan, Ming e Qing.

A ética, tamén coñecida como filosofía moral, estuda o que constitúe a boa e a mala conduta, os valores correcto e incorrecto, e o ben e o mal. As súas principais investigacións inclúen a exploración de como vivir unha boa vida e a identificación de normas de moralidade. Tamén inclúe a investigación de se hai unha mellor maneira de vivir ou unha norma moral universal, e se é así, como chegamos a coñecela. As principais ramas da ética son a ética normativa, a metaética e a ética aplicada.[61]

Os tres puntos de vista principais en ética acerca do que constitúen as accións morais son:[61]

  • Cconsecuencialismo, que xulga as accións en función das súas consecuencias.[48] Un destes puntos de vista é o utilitarismo, que xulga as accións en función da felicidade (ou pracer) e/ou da falta de sufrimento (ou dor) que producen.
  • Deontoloxía, que xulga as accións en función de se están de acordo co deber moral.[48] Na forma estándar defendida por Immanuel Kant, a deontoloxía preocúpase de se unha elección respecta a moralidade doutras persoas, independentemente das súas consecuencias.[48]
  • Ética das virtudes, que xulga as accións en función do carácter moral do axente que as realiza e se se axustan ao que faría un axente idealmente virtuoso..[48]

Epistemoloxía

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Epistemoloxía.

A epistemoloxía é a rama da filosofía que estuda o coñecemento.[62] Os epistemólogos examinan as fontes putativas de coñecemento, incluíndo a experiencia perceptiva, a razón, a memoria e o testemuño. Tamén investigan cuestións sobre a natureza da verdade, a crenza, a xustificación e a racionalidade.[63]

O escepticismo filosófico, que suscita dúbidas sobre algunhas ou todas as reivindicacións de coñecemento, foi un tema de interese ao longo da historia da filosofía. Xurdiu cedo na filosofía presocrática e formalizouse con Pirrón, o fundador da escola occidental máis antiga de escepticismo filosófico. Ocupa un lugar destacado nas obras dos filósofos modernos René Descartes e David Hume e seguiu sendo un tema central nos debates epistemolóxicos contemporáneos.[63]

Un dos debates epistemolóxicos máis salientables é entre o empirismo e o racionalismo.[64] O empirismo fai énfase na evidencia observacional a través da experiencia sensorial como fonte de coñecemento.[64] O empirismo asóciase co coñecemento a posteriori, que se obtén a través da experiencia (como o coñecemento científico),[64] así mesmo pon énfase na razón como fonte de coñecemento.[64] O racionalismo está asociado co coñecemento a priori, que é independente da experiencia (como a lóxica e as matemáticas).

Un debate central na epistemoloxía contemporánea é o das condicións necesarias para que unha crenza constitúa un coñecemento, entre as que se atopan a verdade e a xustificación. Este debate foi en gran parte o resultado dos intentos de resolver o problema de Gettier.[63] Outro tema común nos debates contemporáneos é o problema de regresión, que se produce cando se tenta ofrecer unha proba ou xustificación para calquera crenza, declaración ou proposición. O problema é que calquera que sexa a fonte de xustificación, esa fonte debe ser ou ben sen xustificación (nese caso debe ser tratada como un fundamento arbitrario para a crenza), ou debe ter algunha xustificación adicional (nese caso a xustificación debe ser ou ben o resultado dun razoamento circular, como no coherentismo, ou o resultado dunha regresión infinita, como no infinitismo).[63]

Metafísica

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Metafísica.
O comezo da Metafísica de Aristóteles nun incunable decorado con miniaturas pintadas a man.

A metafísica é o estudo dos trazos máis xerais da realidade, como a existencia, o tempo, os obxectos e as súas propiedades, os conxuntos e as súas partes, os acontecementos, os procesos e a causación e a relación entre a mente e o corpo .[65] A metafísica inclúe a cosmoloxía, o estudo do mundo na súa totalidade e a ontoloxía, o estudo do ser, xunto coa filosofía do espazo e do tempo.

Un punto importante de debate é entre o realismo, que sostén que hai entidades que existen independentemente da súa percepción mental, e o idealismo, que sostén que a realidade está construída mentalmente ou doutro xeito inmaterial. A metafísica trata o tema da identidade. Esencia é o conxunto de atributos que fan dun obxecto o que é fundamentalmente e sen o cal perde a súa identidade, mentres que accidente é unha propiedade que ten o obxecto, sen a cal o obxecto aínda pode conservar. a súa identidade.[66] Os particulares son obxectos que se di que existen no espazo e no tempo, en oposición aos obxectos abstractos, como os números, e os universais, que son propiedades que posúen múltiples particulares, como a cor vermella ou un xénero.[67] O tipo de existencia, se é o caso, de universais e obxectos abstractos é un tema de debate.

Artigo principal: Lóxica.

A lóxica é o estudo do razoamento e da argumentación.

Razoamento dedutivo é cando, dadas certas premisas, as conclusións están inevitablemente implicadas.[68] As regras de inferencia utilízanse para inferir conclusións tales como, modus ponens, onde dado "A" e "se A entón B", entón "B" debe concluírse.

Porque o bo razoamento é un elemento esencial de todas as ciencias,[69] disciplinas das ciencias sociais e humanidades, a lóxica converteuse nunha ciencia formal. Os subcampos inclúen lóxica matemática, lóxica filosófica, lóxica modal, lóxica computacional e lóxica non clásicas. Unha cuestión importante na filosofía das matemáticas é se as entidades matemáticas son obxectivas e imparciais, chamada realismo matemático, ou inventadas, chamada antirrealismo matemático.

Mente e linguaxe

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Filosofía da linguaxe.

A filosofía da linguaxe explora a natureza, as orixes e o uso da linguaxe. A filosofía da mente explora a natureza da mente e a súa relación co corpo, como se caracteriza polas disputas entre o materialismo e o dualismo. Nos últimos anos, esta rama relacionouse coa ciencia cognitiva.

Filosofía da ciencia

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Filosofía da ciencia.

A filosofía da ciencia explora os fundamentos, métodos, historia, implicacións e propósito da ciencia. Moitas das súas subdivisións corresponden a ramas específicas da ciencia. Por exemplo, a filosofía da bioloxía trata especificamente das cuestións metafísicas, epistemolóxicas e éticas nas ciencias biomédicas e da vida.

Filosofía política

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Filosofía política.
Thomas Hobbes, máis coñecido polo seu libro de 1651 Leviatán, que expuxo unha influente formulación da teoría do contrato social

A filosofía política é o estudo do goberno e a relación dos individuos (ou familias e clans) coas comunidades, incluíndo o estado. Inclúe preguntas sobre xustiza, dereito, propiedade e os dereitos e obrigas do cidadán. A filosofía política, a ética e a estética son materias tradicionalmente ligadas, baixo o título xeral de teoría do valor xa que implican un aspecto normativo ou avaliador.[70]

Filosofía da relixión

[editar | editar a fonte]

A filosofía da relixión ocúpase de cuestións relacionadas coa relixión e as ideas relixiosas desde unha perspectiva filosoficamente neutral (a diferenza da teoloxía, que parte de conviccións relixiosas).[71] Tradicionalmente, as cuestións relixiosas non eran vistas como un campo separado da filosofía propiamente dita, e a idea dun campo separado só xurdiu apartir do século XIX.[72]

Os temas inclúen a existencia de Deus, a relación entre razón e fe, cuestións de epistemoloxía relixiosa, a relación entre relixión e ciencia, como interpretar as experiencias relixiosas, cuestións sobre a posibilidade dunha vida despois da morte, o problema da linguaxe relixiosa e a existencia de almas e respostas ao pluralismo relixioso e a diversidade.

Metafilosofía

[editar | editar a fonte]

A metafilosofía explora os obxectivos, os límites e os métodos da filosofía. Debátese sobre se a metafilosofía é un tema anterior á filosofía[73] ou se forma parte inherentemente da filosofía.[74]

Filósofos

[editar | editar a fonte]

da Antigüidade

[editar | editar a fonte]

do Clasicismo grego

[editar | editar a fonte]

Helénicos

[editar | editar a fonte]

Medievais

[editar | editar a fonte]

Renacentistas

[editar | editar a fonte]

Contemporáneos

[editar | editar a fonte]

Cronoloxía

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para filosofía.
  2. [en Infopédia [en liña]. Porto: Porto Editora, 2003-2014. [consultado 30 de xuño dp 2018]. Dispoñible en Internet: http://www.infopedia.pt/$filosofia]
  3. Priberam
  4. Teichman, J.; Evans, K. C. Philosophy: a beginner's guide. 3rd ed. Oxford: Blackwell.
  5. Aristóteles (2018). Metafísica, Libro I, capitulo 1. Gredos. ISBN 9788424938390.
  6. Copleston 2003, pp. 4–6
    Santinello & Piaia 2010, pp. 487–488
    Verene 2008, pp. 6–8
  7. Laerke, Smith & Schliesser 2013, pp. 115–118
    Verene 2008, pp. 6–8
    Frede 2022, p. x
    Beaney 2013, p. 60
  8. Scharfstein 1998, pp. 1–4
    Perrett 2016, Is There Indian Philosophy? Smart 2008, pp. 1–3
    Rescher 2014, p. 173
    Parkinson 2005, pp. 1–2
  9. Smart 2008, pp. v, 1–12
    Flavel & Robbiano 2023, p. 279
    Solomon & Higgins 2003, pp. xv–xvi
    Grayling 2019, Contidos, Prefacio
  10. Shields 2022, Lead Section.
  11. Graham 2023, Sección principal, 2. Socrates, 3. Platón, 4. Aristoteles
    Grayling 2019, Socrates, Platón, Aristoteles
  12. Long 1986, p. 1
    Blackson 2011, Chapter 10
    Graham 2023, 6. Post-Hellenistic Thought
  13. Duignan 2010, p. 9
    Lagerlund 2020, p. v
    Marenbon 2023, Sección principal
    MacDonald & Kretzmann 1998, Sección principal
  14. Grayling 2019, Parte II: Filosofía medieval e renacentista
    Adamson 2019, pp. 3–4
  15. Parkinson 2005, pp. 1, 3
    Adamson 2022, pp. 155–157
    Grayling 2019, Philosophy in the Renaissance
    Chambre et al. 2023, Renaissance Philosophy }}
  16. Grayling 2019, The Rise of Modern Thought; The Eighteenth-century Enlightenment
    Anstey & Vanzo 2023, pp. 236–237
  17. Grayling 2019, The Eighteenth-Century Enlightenment
    Kenny 2006, pp. 90–92
  18. Grayling 2019, Philosophy in the Nineteenth Century.
  19. Grayling 2019, Philosophy in the Twentieth Century
    Livingston 2017, 6. 'Analytic' and 'Continental' Philosophy
    Silverman & Welton 1988, pp. 5–6 }}
  20. Grayling 2019, Philosophy in the Twentieth Century.
  21. Waithe 1995, pp. xix–xxiii.
  22. Adamson & Taylor 2004, p. 1
    EB Staff 2020
    Grayling 2019, Arabic–Persian Philosophy
    Adamson 2016, pp. 5–6 }}
  23. Esposito 2003, p. 246
    Nasr & Leaman 2013, 11. Al-Kindi
    Nasr 2006, pp. 109–110
    Adamson 2020, Lead Section
  24. Gutas 2016
    Grayling 2019, Ibn Sina (Avicenna)
  25. Adamson 2016, pp. 140–146
    Dehsen 2013, p. 75
    Griffel 2020, Lead Section, 3. Al-Ghazâlî's "Refutations" of Falsafa and Ismâ'îlism, 4. The Place of Falsafa in Islam
  26. Grayling 2019, Ibn Rushd (Averroes)
    Kaminski 2017, p. 32
  27. Rizvi 2021, Lead Section, 3. Metaphysics, 4. Noetics — Epistemology and Psychology
    Chamankhah 2019, p. 73
  28. Moaddel 2005, pp. 1–2
    Masud 2009, pp. 237–238
    Safi 2005, Lead Section
  29. Smart 2008, p. 3
    Grayling 2019, Indian Philosophy
  30. Perrett 2016, Indian philosophy: A Brief Historical Overview, the Ancient Period of Indian Philosophy
    Grayling 2019, Indian Philosophy
    Pooley & Rothenbuhler 2016, p. 1468|Andrea & Overfield 2015, p. 71
  31. 1 2 Perrett 2016, The Ancient Period of Indian Philosophy
    Ruether 2004, p. 57
  32. Perrett 2016, The Ancient Period of Indian Philosophy
    Vallely 2012, pp. 609–610
    Gorisse 2023, Lead Section
  33. Phillips 1998, p. 324
    Perrett 2016, Indian Philosophy: A Brief Historical Overview
    Glenney & Silva 2019, p. 77
  34. Perrett 2016, Indian Philosophy: A Brief Historical Overview, The Classical Period of Indian Philosophy, The Medieval Period of Indian Philosophy
    Glenney & Silva 2019, p. 77
    Adamson & Ganeri 2020, pp. 101–102
  35. Perrett 2016, The Medieval Period of Indian Philosophy
    Dalal 2021, Lead Section, 2. Metaphysics |3=Menon, Lead Section
  36. Ranganathan, 1. Rāmānuja's Life and Works.
  37. Ranganvishishtadvaita & athan, Sección principal, 2c. Tesis sustantivas.
  38. Ranganathan, 4. Rāmānuja's Soteriology
    Kulke & Rothermund 1998, p. 139
    Seshadri 1996, p. 297
    Jha 2022, p. 217
  39. Perrett 2016, Indian Philosophy: A Brief Historical Overview, the Modern Period of Indian Philosophy
    EB Staff 2023
  40. Banhatti 1995, pp. 151–154
    Bilimoria 2018, pp. 529–531
    Rambachan 1994, pp. 91–92
  41. Smart 2008, pp. 3, 70–71
    EB Staff 2017, Lead Section, § Periods of Development of Chinese Philosophy
    Littlejohn 2023
    Grayling 2019, Chinese Philosophy
    Cua 2009, pp. 43–45 |6=Wei-Ming, Lead Section
  42. Perkins 2013, pp. 486–487
    Ma 2015, p. xiv
    Botz-Bornstein 2023, p. 61
  43. EB Staff 2017, Lead Section, § Periods of Development of Chinese Philosophy
    Smart 2008, pp. 70–76|Littlejohn 2023, 1b. Confucius (551–479 B.C.E.) of the Analects
    Boyd & Timpe 2021, pp. 64–66
    Marshev 2021, pp. 100–101
  44. EB Staff 2017, Lead Section, § Periods of Development of Chinese Philosophy
    Slingerland 2007, pp. 77–78
    Grayling 2019, Chinese Philosophy
  45. Grayling 2019, Chinese Philosophy
    Littlejohn 2023, 1c. Mozi (c. 470–391 B.C.E.) and Mohism |3=Defoort & Standaert 2013, p. 35
  46. Grayling 2019, Chinese Philosophy
    Kim 2019, p. 161
    Littlejohn 2023, 2a. Syncretic Philosophies in the Qin and Han Periods
  47. 1 2 3 4 5 6 Littlejohn 2023, § Early Buddhism in China
    EB Staff 2017, § Periods of Development of Chinese Philosophy}
    Erro na cita: Etiqueta <ref> non válida; o nome "auto" está definido varias veces con contidos diferentes
  48. Littlejohn 2023, 4b. Neo-Confucianism: The Original Way of Confucius for a New Era
    EB Staff 2017, § Periods of Development of Chinese Philosophy
  49. Littlejohn 2023, 5. The Chinese and Western Encounter in Philosophy
    Jiang 2009, pp. 473–480
    Qi 2014, pp. 99–100
    Tian 2009, pp. 512–513
  50. Van Norden 2022, § 6. Influence
    Redse 2015, pp. 21–22
    Makeham 2003, pp. 94–95
  51. Kasulis 2022, Lead Section, § 3.2 Confucianism, § 3.3 Buddhism
    Kasulis 1998, Lead Section
  52. Kasulis 2022, § 4.3 Edo-period Philosophy (1600–1868)
    Kasulis 1998, Lead Section
  53. Davis 2022, Lead Section, § 3. Absolute Nothingness: Giving Philosophical Form to the Formless
    Kasulis 2022, § 4.4.2 Modern Academic Philosophies
  54. Plantinga, Alvin (2014). Zalta, Edward N., ed. Religion and Science (Spring 2014 ed.). Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2019. Consultado o 12 de setembro do 2022.
  55. Kelly, Michael (Editor in Chief) (1998) Encyclopedia of Aesthetics. Nova York, Oxford, Oxford University Press. 4 vol. p. ix. ISBN 978-0-19-511307-5.
  56. Review Arquivado 13 de febreiro de 2006 en Wayback Machine. by Tom Riedel (Regis University)
  57. Aesthetic.” Merriam-Webster Dictionary. Recuperado o 9 de maio de 2020.
  58. Zangwill, Nick. 2019 [2003]. "Aesthetic Judgment Arquivado 2 de agosto de 2019 en Wayback Machine." (revised ed.). Stanford Encyclopedia of Philosophy. 9 de maio de 2020.
  59. "aesthetic Arquivado 6 de agosto de 2020 en Wayback Machine.." Lexico. Oxford University Press and Dictionary.com.
  60. 1 2 "Ethics". Internet Encyclopedia of Philosophy. Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2018. Consultado o 12 de setembro do 2022.
  61. "Epistemology". Encyclopedia Britannica. Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2019. Consultado o 13 de setembro do 2022.
  62. 1 2 3 4 "Epistemology". Stanford Encyclopedia of Philosophy. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2020. Consultado o 13 de setembro do 2022.
  63. 1 2 3 4 Steup, Matthias; Neta, Ram (2020). "Epistemology". The Stanford Encyclopedia of Philosophy. Metaphysics Research Lab, Stanford University. Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2021. Consultado o 13 de setembro do 2022.
  64. van Inwagen, Peter; Sullivan, Meghan (2020). "Metaphysics". The Stanford Encyclopedia of Philosophy (Metaphysics Research Lab, Stanford University). Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2018. Consultado o 13 de setembro do 2022.
  65. Guthrie, William Keith Chambers (1990). A History of Greek Philosophy. Cambridge University Press. p. 148. ISBN 978-0-521-38760-6.
  66. Lowe, E. J. "universals". The Oxford Companion to Philosophy (en inglés). Consultado o 13 de setembro do 2022.
  67. Alina, Bradford (July 2017). "Deductive Reasoning vs. Inductive Reasoning". livescience.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 January 2021. Consultado o 21 January 2021.
  68. Carnap, Rudolf (1953). "Inductive Logic and Science". Proceedings of the American Academy of Arts and Sciences 80 (3). pp. 189–197. JSTOR 20023651. doi:10.2307/20023651.
  69. Schroeder, Mark (2021). Zalta, Edward N., ed. Value Theory. The Stanford Encyclopedia of Philosophy (Spring 2021 ed.) (Metaphysics Research Lab, Stanford University). Arquivado dende o orixinal o 31 de marzo de 2021. Consultado o 27 de outubro do 2022. No seu sentido máis amplo, a "teoría do valor" é unha etiqueta que engloba todas as ramas da filosofía moral, a filosofía social e política, a estética e, ás veces, a filosofía feminista e a filosofía da relixión, é dicir, calquera área da filosofía que se considere que abarca algún aspecto "evaluativo".
  70. Louth, Andrew; Thielicke, Helmut (2014) [1999]. "Relationship to Philosophy | Theology". Encyclopædia Britannica. Arquivado dende o orixinal o 6 de agosto de 2020.
  71. Wainwright, William J. (2005). "Introduction". En Wainwright, W. J. The Oxford Handbook of Philosophy of Religion. Nova York: Oxford University Press. pp. 3–11. ISBN 978-0-19-803158-1. Arquivado dende o orixinal o 6 de agosto de 2020. A expresión "filosofía da relixión" non entrou en uso xeral ata o século XIX, cando se empregou para referirse á articulación e crítica da conciencia relixiosa da humanidade e das súas expresións culturais no pensamento, a linguaxe, o sentimento e a práctica..
  72. Charles L. Griswold Jr. (2010). Platonic Writings/Platonic Readings. Penn State Press. pp. 144–146. ISBN 978-0271044811. Arquivado dende o orixinal o 1 de xullo de 2020. Consultado o 3 de febreiro do 2023.
  73. Martin Heidegger (1956). Was Ist Das – die Philosophie?. Rowman & Littlefield. p. 21. ISBN 978-0808403197. Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2021. Consultado o 3 de febreiro do 2023.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazón externas

[editar | editar a fonte]
  1. A periodización exacta é obxecto de debate, xa que algunhas fontes suxiren que comezou xa no ano 500 a. C., mentres que outras sosteñen que non se iniciou até o ano 200 d. C.[34]
  2. Estas datas son as que se adoitan citar, pero algúns estudosos recentes suxiren que viviu entre 1077 e 1157.[37]
Erro na cita: As etiquetas <ref> existen para un grupo chamado "lower-alpha", pero non se atopou a etiqueta <references group="lower-alpha"/> correspondente